Sunday 28 de April de 2024

Exposición, proxección e formación para conmemorar o vinte aniversario do filme O bosque animado na Pobra


A Pobra do Caramiñal é unha das paradas da exposición sobre o filme O bosque animado. Sentirás a súa maxia que impulsa a Deputación da Coruña e que chega á localidade coa colaboración da Concellaría da Normalización Lingüística, pois no 2021 cumpríronse vinte anos da súa estrea, que tivo lugar no 3 de agosto de 2001 na Coruña. A longametraxe é unha adaptación libre da novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez e eríxese como a primeira película de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e feita en galego por parte de Dygra Films.

A dita mostra componse dunha serie de paneis con debuxos e textos explicativos sobre o proceso de elaboración desta cinta e materiais orixinais. As visitas pódense efectuar na Casa Mariñeira, situada na contorna do parque do Castelo, ata o 28 de abril, de luns a venres, dende as 09.30 ata as 14.30 horas. Ademais, no Xoves e Venres Santo (días 14 e 15), habilítase o horario de 10.00 a 14.30 e de 17.30 a 19.30 horas; así como no Sábado e Domingo de Pascua (días 16 e 17), de 10.00 a 14.30 horas.

Ao acto de inauguración asistiron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra); o concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG); o deputado provincial Xosé Penas; e o director da peza audiovisual, Manolo Gómez; así como membros da corporación municipal e veciñanza que se quixo achegar.

Posteriormente, o teatro cine Elma foi escenario da proxección do referido filme, a cal contou coa presenza do director, quen, ao longo da mañá, tamén impartiu formación sobre a produción, a ilustración da natureza e o cine a alumnado de centros educativos da Pobra e de Ribeira.